REAS Red de Redes
A economía social e solidaria como “folla de ruta” para outra forma de organizar a sociedade
O pasado 10 de abril REAS Galicia celebrou na Facultade de Económicas da USC o encontro Da utopía á realidade, que xuntou a persoas do ámbito educativo, da cooperación, do terceiro sector e outras entidades da economía social e solidaria

“Somos un feixe de persoas que non estamos moi conformes con que para gañarnos a vida teñamos que destruír o planeta, xerar relacións económicas inxustas ou contribuír a unha estrutura capitalista que nos ven de volta como unha agresión”.
Deste xeito definiu Ana Lorenzo, presidenta de REAS Galicia a razón de ser das entidades que conforman a economía social e solidaria, agrupada nas Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que, na actualidade, conta con 35 entidades socias.
O pasado 10 de abril REAS Galicia celebrou na Facultade de Económicas da USC o encontro Da utopía á realidade, que xuntou a persoas do ámbito educativo, da cooperación, do terceiro sector e outras entidades da economía social e solidaria.
A xornada buscaba en primeiro lugar poñer en valor o modelo da Economía Social e Solidaria (ESS) en relación cos retos da Axenda 2030 e cos obxectivos de desenvolvemento sostible. Ademais, tiña tamén como obxectivo identificar retos e oportunidades para o seu recoñecemento, explorar como medir e comunicar o impacto real da ESS, fortalecer a transparencia e a xeración de confianza no sector, poñer en valor a auditoría social e construír sinerxías e compromisos en Galicia.

O obxectivo é que a economía social e solidaria “sexa máis medible, visible e recoñecida” © REAS Galicia
Raquel Calleja, técnica de REAS Galicia, subliñou nunha das mesas que se fai “necesario”, pero tamén “moi urxente” buscar “outras formas de organizar a economía, a sociedade e a sustentabilidade da vida”
O encontro enmarcouse, ademais, no proxecto Recoñece a ESS, que este martes dá a coñecer os seus resultados nun encontro en liña
O encontro enmarcouse, ademais, no proxecto Recoñece a ESS, unha iniciativa que persegue precisamente consolidar o modelo Económico proposto pola ESS “como un actor clave no avance e aplicación da Axenda 2030” e que busca que a economía social e solidaria “sexa máis medible, visible e recoñecida”.
Os resultados finais do proxecto daranse a coñecer este martes nun encontro en liña a través de zoom, no que se presentará, entre outros contidos, a Guía de conexión da Auditoría Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), “unha ferramenta práctica para avanzar na medición e comunicación do impacto”.
No encontro celebrado o pasado 10 de abril na Facultade de Económicas un dos asuntos clave, que estivo presente nas distintas actividade que conformaron o programa da xornada foi a “necesidade de visibilizar a ESS, levala ao ámbito educativo e reforzar o seu papel como alternativa ao modelo económico actual, integrando dimensións sociais, ambientais e económicas”. Tamén se subliñou a importancia de medir e comunicar mellor o seu valor para gañar recoñecemento social e institucional.
Nese senso, Raquel Calleja, técnica de REAS Galicia, subliñou nunha das mesas que se fai “necesario”, pero tamén “moi urxente” buscar “outras formas de organizar a economía, a sociedade e a sustentabilidade da vida”, engadindo que “a ESS danos unha folla de ruta clara para conseguilo”. O encontro, destaca REAS Galicia, serviu “para reforzar e seguir a construír comunidade da ESS, motivar as persoas participantes e facer visible que medir o impacto é a chave para existir”.
Unha das actuacións sobre as que se fixo fincapé na xornada foi a Auditoría Social. Trátase dunha ferramenta fundamental da Economía Social e Solidaria que permite ás entidades medir de maneira sistemática o seu impacto social, ambiental e de bo goberno. É un proceso voluntario de autoavaliación que reforza a coherencia interna e a rendición de contas cara á sociedade.
Para a REAS Galicia, a Auditoría Social é “unha ferramenta estratéxica que vai máis alá da medición e que permite ás entidades pertencentes á ESS poñer en valor o seu traballo diario”.
Neste senso, Susana Ortega de REAS Red de Redes destacou o labor da Auditoría Social como “unha ferramenta de medición estable, replicable e estatisticamente robusta e que permite que as entidades, cada ano, amosen o seu corazón”.
Na xornada tamén se analizou a experiencia piloto do selo de garantía da ESS realizada en Galicia. Trátase dun sistema de transparencia e recoñecemento para a sociedade e para a administración pública co fin de fomentar un consumo responsable e facilitar a contratación pública. Estes exercicios valeron para extraer fortalezas e limitacións da medición actual no contexto galego, adaptadas ao rural e á diversidade de sectores existentes
Laura Vidal, de Dalle que Dalle – Sociedade Cooperativa Galega, reclamou que “debemos pelexar para que a Auditoría Social entre como calquera outro selo nos servizos de contratación pública”. “É unha cuestión de xustiza e recoñecemento para as que facemos as cousas ben dende o regulamento interno e non dende o talonario”, subliñou.
Os valores e principios de cooperación co territorio, a sustentabilidade, o traballo digno e a inclusión estiveron presentes ao longo desta xornada. Na última edición da Auditoría Social participaron 24 entidades da Economía Social e Solidaria en Galicia, que realizaron unha análise en profundidade do seu funcionamento e das súas prácticas. Os resultados agregados da campaña puxeron de manifesto o impacto real da ESS galega, “un modelo económico sólido, coherente e en crecemento”.
Os datos da Auditoría Social revelaron, por exemplo, que a diferenza salarial interna se sitúa nun 1,23; o que significa que a persoa que máis cobra supera nun 23% á que menos cobra, unha cifra moi afastada das dinámicas habituais no ámbito laboral.
Ademais, as entidades destinan de media un 14% dos seus beneficios a causas sociais e solidarias, reforzando o compromiso coa redistribución da riqueza. De igual xeito, os datos refliten ademais que as mulleres representan o 61% das persoas traballadoras e o 51,3% das persoas voluntarias, e que ocupan o 72% dos postos de responsabilidade nas entidades auditadas.
Fuente: praza.gal

Intercooperación tecnológica y software libre, una combinación para proyectar la ESS
Concluye una exitosa edición de Idearia dedicada al reparto justo de la riqueza
Súmate a RODAR ¡Viva la Cultura libre y comunitaria!
Formación en la nueva herramienta de Auditoría / Balance Social
Informe de Auditoría / Balance Social 2025
Dossier “Ideologías transformadoras y economía solidaria. Intersecciones y retos”

