REAS Red de Redes
REAS Galicia presenta os resultados da Auditoría Social e lanza unha web para visibilizar o impacto da ESS en Galicia
REAS Galicia abre unha nova páxina web, que recolle toda a información vinculada á Auditoría Social, aos resultados da súa campaña en Galicia e ás accións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses.

REAS Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia) é unha asociación sen ánimo de lucro que reúne persoas e proxectos comprometidos cunha economía máis xusta, solidaria e sustentable e que, na actualidade, conta con 35 entidades socias.
Coincidindo coa posta en marcha dun novo proxecto, REAS Galicia abre tamén unha nova páxina web, que recolle toda a información vinculada á Auditoría Social, aos resultados da súa campaña en Galicia e ás accións que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses.
REAS Galicia vén de lanzar o proxecto Recoñece a ESS, Avanzando na axenda 2030 a través da auditoría social, unha iniciativa financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 que ten como obxectivo reforzar o recoñecemento da Economía Social e Solidaria (ESS) como un actor clave no avance da Axenda 2030. A organización quere visibilizar o impacto social, económico e ambiental que xeran as prácticas de entidades e organizacións de ESS, fortalecer o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e poñer en valor unha economía centrada nas persoas e o planeta.
A súa nova web (economiasocialsolidaria.gal) nace como un espazo de referencia para a transparencia e a divulgación da ESS e irá incorporando progresivamente novidades do proxecto, materiais de interese e información sobre as actividades previstas, entre as que destacan a elaboración dunha guía de conexión entre os principios da ESS e ODS, así como a celebración dun evento aberto previsto para o mes de marzo, que servirá como espazo de encontro e reflexión colectiva.
24 entidades auditadas
Neste contexto, REAS Galicia tamén pecha a campaña anual da Auditoría Social de 2024, unha ferramenta fundamental da Economía Social e Solidaria que permite ás entidades medir de maneira sistemática o seu impacto social, ambiental e de bo goberno. Trátase dun proceso voluntario de autoavaliación e aprendizaxe colectiva que reforza a coherencia interna e a rendición de contas cara á sociedade, e que responde aos seis principios que definen a ESS: a equidade, o traballo digno, a cooperación, a sustentabilidade ecolóxica, o compromiso coa contorna e a repartición xusta da riqueza.
Na campaña 2025 participaron 24 entidades da Economía Social e Solidaria en Galicia, que realizaron unha análise en profundidade do seu funcionamento e das súas prácticas ao longo do ano 2024. Como novidade desta edición, as entidades recibiron o Selo da Auditoría Social, un distintivo que recoñece o esforzo realizado e permite visibilizar publicamente o seu compromiso cun modelo económico alternativo en coherencia cos ODS, xusto equitativo e sustentable.
Un novo modelo que xa é realidade
Os resultados agregados da campaña amosan unha evolución positiva e poñen de manifesto o impacto real da ESS galega. No eido da igualdade de xénero, os datos reflicten que as mulleres representan o 61% das persoas traballadoras e o 51,3% das persoas voluntarias, e que ocupan o 72% dos postos de responsabilidade nas entidades auditadas. Este compromiso complétase cun uso xeneralizado da linguaxe non sexista, presente no 100% das organizacións, e cunha aposta clara pola conciliación, xa que o 82% das entidades conta con medidas máis abranguentes das establecidas por lei.
A redución das desigualdades tamén se reflicte nos indicadores económicos. A diferenza salarial interna sitúase nun 1,23, o que significa que a persoa que máis cobra supera nun 23% á que menos cobra, unha cifra moi afastada das dinámicas habituais no ámbito laboral. Ademais, as entidades destinan de media un 14% dos seus beneficios a causas sociais e solidarias, reforzando o compromiso coa redistribución da riqueza.
No ámbito ambiental e de consumo responsable, a Auditoría Social revela que o 100% das entidades aplica criterios de consumo responsable na adquisición de bens e servizos, mentres que o 96% opera con finanzas éticas. A transición cara a modelos enerxéticos máis sostibles tamén está en marcha, aínda que de xeito máis lento, xa que só o 32% das organizacións di emprega enerxía de fontes 100% renovables.



En conxunto, os resultados da Auditoría Social 2024 confirman que a ESS en Galicia é un modelo económico sólido, coherente e en crecemento. Este mecanismo de autoavaliación permite tamén reafirmar e visibilizar o impacto positivo que as prácticas destas entidades xeran nos ámbitos ambiental, económico, social e cultural, en clara consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e coa Axenda 2030.

Idearia 2026 ¡abierto el plazo de inscripción!
REAS Castilla y León presenta su hoja de ruta para 2026-2030
MESticio de primavera 2026
Idearia 2026 en Pamplona por la justa distribución de la riqueza
Informe de Auditoría / Balance Social 2025
Dossier “Ideologías transformadoras y economía solidaria. Intersecciones y retos”

