Pon a vida no centro

Manifesto pola Economía Solidaria

Colocamos a sustentabilidade da vida no centro da actividade económica.
E ti? Queres ser parte do mesmo cambio?

As propostas da Economía Solidaria afrontan o desenvolvemento dunha economía capitalista, financiarizada e afastada da economía real, centrada no crecemento ilimitado da produción e o consumo á marxe dos seus efectos sociais e ambientais. O seu único obxectivo é o lucro e a maximización de beneficios, o que produce precariedade, pobreza e desigualdade insustentables. Trátase dun sistema non só económico, senón sociopolítico e cultural, baseado en relacións de desigualdade e exclusión por motivos de xénero, orientación e identidade sexual, idade ou orixe.

A Economía Solidaria é unha visión e unha práctica que, dentro da Economía Social, coloca os procesos de sostemento da vida no centro da actividade socioeconómica, situando as persoas, comunidades e contorna ambiental por riba do capital e da súa acumulación. Este modelo promove e desenvolve iniciativas alternativas en todas as esferas do ciclo económico (financiamento, produción, comercialización e consumo), desde valores relacionados, entre outros, coa cooperación, a reciprocidade, a autoxestión e a solidariedade. Todo isto desde unha perspectiva transformadora que persegue construír economías máis comunitarias, democráticas, equitativas, inclusivas e sustentables. Economías, en definitiva, feministas, ecolóxicas e solidarias.

Neste contexto, reivindicamos a transición cara a novos modelos nos que os seis principios que presentamos posibiliten a xeración de iniciativas, espazos e redes económica e socialmente transformadoras.

EQUIDADE

A equidade incorpora a xustiza e a diversidade ao obxectivo de igualdade. Supón recoñecer a igualdade de oportunidades, condicións e trato, á vez que establecer un reparto xusto de obrigas, recursos e responsabilidades baixo os principios de universalidade e singularidade.

TRABALLO DIGNO

Moito máis ca un emprego ou unha ocupación, o traballo é toda actividade humana que fai posible a vida, recoñecendo así os traballos en plural, produtivos e reprodutivos, profesionais e voluntarios, remunerados e gratuítos. Partindo da nosa interdependencia e ecodependencia, entendemos básicos para a nosa supervivencia os traballos de coidados entre as persoas, comunidades e co planeta, situándoos como prioritarios para a organización social.

SUSTENTABILIDADE ECOLÓXICA

Recoñecemos a natureza como suxeito de dereitos, polo que colocamos os seres vivos e a reprodución da vida no centro de todo proceso social e económico. A sustentabilidade ecolóxica é, partindo da ecodependencia de toda actividade humana, un principio central do compromiso coa sustentabilidade da vida e da necesidade de asegurar a supervivencia de todos os seres vivos dentro dos límites biofísicos do planeta.

COOPERACIÓN

A cooperación é un elemento central para a construción de relacións económicas colaborativas, democráticas e transparentes, unha proposta de autoorganización baseada no apoio mutuo e a solidariedade, dirixida á satisfacción de necesidades e ao logro do ben común.

REPARTICIÓN XUSTA DA RIQUEZA

Entendemos a riqueza como o conxunto de elementos materiais, sociais, culturais e naturais que determinan a capacidade dunha comunidade para atender as necesidades dos seus integrantes no curto, medio e longo prazo. Así, a súa xusta xeración, distribución e conservación convértese nunha estratexia colectiva necesaria para a reprodución e a sustentabilidade da vida. Isto implica resignificar o uso e o valor do diñeiro como un instrumento para unha economía real de base comunitaria que nos permita construír sociedades equitativas, inclusivas e autónomas.

COMPROMISO COA CONTORNA

O compromiso coa contorna supón colaborar e artellarse co resto dos axentes que conforman o tecido socioeconómico. Implica a promoción e o impulso de modelos de produción, distribución e consumo centrados no territorio, desde onde construír propostas comunitarias de mellora e unha axenda de transformación ecosocial que transite do local ao global.

Convidamos a adherirse a este manifesto e fortalecer así a Economía Solidaria, porque a transformación da economía é para este movemento unha cuestión de principios. Principios que alentan o desenvolvemento de prácticas alternativas ao servizo da sustentabilidade da vida.

MANIFÉSTATE

ASINA E PON A VIDA NO CENTRO

Comparte esta acción y ayúdanos a extender la Economía Solidaria

Listado de adhesiones

Hay 2686 adhesiones

Últimas adhesiones públicas recibidas:

Somos parte do mesmo cambio

Este manifesto, que sintetiza a Carta de Principios da Economía Solidaria, é a achega de REAS Rede de Redes ao conxunto de economías transformadoras e movementos críticos cos que, local e globalmente, quere desenvolver alianzas para promover os profundos cambios que precisan as nosas comunidades e o planeta.

Quen formamos parte do movemento da Economía Social e Solidaria somos tamén feministas, ecoloxistas e avogamos pola defensa dos dereitos humanos. E, do mesmo xeito que apoiamos e facemos nosas as propostas destas correntes, queremos compartir os nosos principios e valores, desde o convencemento de que o económico é un campo máis de disputa neste sistema capitalista, ecocida e inxusto, e que o activismo económico é imprescindible para o cambio de rumbo e a transición ecosocial que precisamos.

Somos miles de persoas, empresas e organizacións de todo o mundo que vimos articulándonos desde hai décadas para construír e apoiar experiencias económicas transformadoras que nos alumen e demostren que é posible facer economía con outros valores. O presente manifesto  persegue que calquera persoa, colectivo, empresa ou institución pública, non soamente coñeza os valores que promove o movemento da Economía Solidaria, senón que os incorpore á súa actividade social e económica, contribuíndo así á xeración de espazos e relacións socioeconómicas máis plurais e diversas que afronten os retos ecosociais que o noso futuro presenta. Queremos que te sintas parte tamén deste cambio.

Súmaste?

A Carta da Economía Solidaria

REAS Rede de Redes realizou unha revisión completa da Carta de Principios que, desde 1995, guía tanto as ideas como as prácticas das organizacións da Economía Solidaria. A Carta da Economía Solidaria ponse desta forma ao día a respecto dos avances sociais e filosóficos máis recentes sobre feminismo ou ecoloxismo. Ao mesmo tempo, indica posibles camiños para o futuro da Economía Solidaria e as entidades que a cultivan.

Carta de Principios de la Economía Solidaria

Lee o descarga el texto completo en castellano

Carta de Principios da Economía Solidaria (GL)

Lee o descarga el texto completo en galego

Ekonomia Solidarioaren Printzipioen Gutuna (EUS)

Lee o descarga texto completo en euskera

Carta de principis de l’Economia Solidària (CAT)

Lee o descarga el texto completo en catalán

Os valores da Economía Solidaria

Fai clic en cada un deles para ler máis.

EQUIDADE

TRABALLO DIGNO

COOPERACIÓN

SUST.
ECOLÓXICA

REPARTICIÓN XUSTA
DA RIQUEZA

COMPROMISO
COA CONTORNA