O compromiso coa contorna na Economía Solidaria
A Carta de principios presenta os valores que caracterizan a Economía Solidaria para REAS Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria. Nela recóllense os trazos que orientan a visión e a práctica das organizacións da Economía Solidaria.
Tamén se recollen os seis principios reitores da ESS: equidade, traballo digno, sustentabilidade ecolóxica, cooperación, repartición xusta da riqueza e compromiso coa contorna. Analizámolos un a un.
O recoñecemento da interdependencia e da ecodependencia, así como o anhelo transformador das iniciativas e organizacións da Economía Solidaria, implica unha relación intensa entre estas e a contorna na que se desenvolven, así como un compromiso coa súa mellora. Trátase dunha ollada local que se complementa coa necesaria comprensión da interrelación entre as dinámicas supraterritoriais que perseguen a xustiza ecosocial a nivel global.
O compromiso coa contorna supón coñecer e recoñecer, implicarse, colaborar e artellarse co resto dos axentes que conforman o tecido socioeconómico no que actúa e se enraíza a Economía Solidaria. Implica a promoción e o impulso de modelos de produción, distribución e consumo centrados no territorio, desde onde construír propostas comunitarias de mellora e, a través de alianzas que provoquen un efecto multiplicador, unha axenda de transformación ecosocial que transite do local ao global.
Supón, así mesmo, un forte compromiso coa cultura local, recoñecendo, á súa vez, a diversidade de identidades e expresións sociais e culturais existentes. Desde a devandita perspectiva, este compromiso implica, particularmente, coñecer e recoñecer as persoas da contorna en situación de vulnerabilidade e desvantaxe social para poder artellar respostas ás súas necesidades e intereses, favorecendo a súa inclusión a través das iniciativas da Economía Solidaria e da transformación do modelo socioeconómico.
Para desenvolver este compromiso coa contorna, cómpre coidar e fortalecer os vínculos e o traballo en rede entre as propias persoas e entidades da Economía Solidaria, así como establecer alianzas con outras redes coas que construír un suxeito económico, social e político de carácter solidario, feminista, antirracista e decolonial. Así mesmo, é importante, asumindo a pluralidade e a diversidade, establecer colaboracións con outros axentes sociais e institucionais que permitan desenvolver políticas e estratexias de transformación territorial.
Este compromiso require tomar conciencia da realidade social e territorial, ademais de fortalecer o sentimento de pertenza á comunidade. Para logralo, na intervención coa contorna, cómpre colocar no centro as persoas, os coidados, a saúde e o benestar, asumindo a natureza como suxeito e apoiando os procesos locais e comunitarios.
Para desenvolver este principio proponse:
Establecer entre as iniciativas da Economía Solidaria e a contorna relacións colaborativas, equitativas e respectuosas
Valorar e utilizar os recursos, capacidades e potencialidades propias do territorio desde unha perspectiva de desenvolvemento endóxeno
Identificar necesidades, desigualdades e inxustizas no territorio para promover o desenvolvemento de respostas e alternativas
Promover a participación activa e de calidade das persoas na comunidade, xerando espazos de construción colectiva, seguros e próximos, baseados en relacións de coidado mutuo
Revalorizar o ámbito rural e conectalo en igualdade co urbano, apostando por formas máis resilientes de organizar os territorios
Comunicar á contorna a realidade, obxectivos e resultados das entidades da Economía Solidaria, a través de instrumentos e canles de comunicación axeitados e accesibles
Mellorar a contorna coas iniciativas e accións que propón a Economía Solidaria, promovendo, particularmente, o desenvolvemento de relacións económicas alternativas e de base comunitaria
Participar activamente naquelas redes locais e movementos sociais que promovan a sensibilización, a mobilización e o desenvolvemento de accións de transformación do territorio
Visibilizar e desenvolver prácticas ecofeministas no territorio, ademais de contribuír á construción de comunidades non-sexistas nin discriminatorias
Incidir nas políticas públicas para construír estratexias para o desenvolvemento dos territorios desde a perspectiva do bo vivir
Queres coñecer os 6 principios da Carta da Economía Solidaria?
EQUIDADE
TRABALLO DIGNO
COOPERACIÓN
SUSTENTABILIDADE
ECOLÓXICA
REPARTICIÓN XUSTA
DA RIQUEZA
COMPROMISO
COA CONTORNA
A Carta da Economía Solidaria, nun clic
Carta de Principios de la Economía Solidaria
Lee o descarga el texto completo en castellano
Carta de Principios da Economía Solidaria (GL)
Lee o descarga el texto completo en galego
Ekonomia Solidarioaren Printzipioen Gutuna (EUS)
Lee o descarga texto completo en euskera
Carta de principis de l’Economia Solidària (CAT)
Lee o descarga el texto completo en catalán