A sustentabilidade ecolóxica na Economía Solidaria
A Carta de principios presenta os valores que caracterizan a Economía Solidaria para REAS Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria. Nela recóllense os trazos que orientan a visión e a práctica das organizacións da Economía Solidaria.
Tamén se recollen os seis principios reitores da ESS: equidade, traballo digno, sustentabilidade ecolóxica, cooperación, repartición xusta da riqueza e compromiso coa contorna. Analizámolos un a un.
Toda actividade humana é ecodependente, polo que desde a perspectiva da sustentabilidade ecolóxica se recoñece os seus límites ambientais e se promove o compromiso de convivencia positiva coa contorna natural e o mantemento da súa riqueza no presente e no futuro.
A Economía Solidaria recoñece a natureza como suxeito de dereitos, polo que coloca os seres vivos e a reprodución da vida no centro de todo proceso social e económico. Por iso, asume os límites biofísicos do planeta, promove o sostemento dos ecosistemas e comprométese co seu coidado. Neste sentido, considera a sustentabilidade ecolóxica como un principio central no seu compromiso coa saúde do planeta e coa sustentabilidade da vida, asumindo a necesidade de asegurar a supervivencia de todos os seres vivos.
Desde esa perspectiva, a Economía Solidaria considera o decrecemento material como unha obriga necesaria tras un proceso histórico de explotación dun planeta de recursos limitados. O compromiso cunha transición ecolóxica esixe decrecer nos procesos de extracción de recursos naturais, no uso de fontes de enerxía, na sobreexplotación dos solos fértiles e no mantemento dos actuais niveis de produción e consumo que destrúen a biodiversidade e os ecosistemas necesarios para a vida.
Diante da crise ecosocial que hipoteca os recursos naturais e pon en perigo a propia existencia humana e de toda expresión de vida, a Economía Solidaria promove un novo paradigma centrado en sentir e soster a vida do planeta. Para conseguilo, comprométese con non causar máis danos e reparar as contornas ambientais, aprendendo das cosmovisións de pobos e culturas que manifestan e practican a convivencia coa natureza e o respecto dos seus ciclos e procesos.
Fronte á xeración de precariedade, pobreza e desigualdade do actual modelo socioeconómico, o compromiso da Economía Solidaria coa sustentabilidade ecolóxica baséase en lóxicas de xustiza e solidariedade global, onde a distribución e a repartición da riqueza son elementos centrais dese novo modelo que coida a vida e o planeta.
Para desenvolver este principio proponse:
Desenvolver modelos de produción, distribución e consumo conscientes, responsables, críticos e transformadores, que aseguren a sustentabilidade ecolóxica en toda a cadea económica, impulsando o desenvolvemento de circuítos económicos locais e de proximidade
Impulsar relacións económicas, acordos comerciais ou a selección de entidades provedoras de produtos e servizos desde criterios de xustiza ambiental e social
Promover prácticas ambientais alternativas no eido da vivenda cooperativa, o urbanismo social e a desmercantilización dos espazos públicos e do territorio
Practicar a agroecoloxía como modelo baseado en prácticas de produción, distribución e consumo respectuosas coa natureza, así como promover a soberanía alimentaria como estratexia de transformación do inxusto e insustentable sistema alimentario
Reducir, reparar, recuperar, reutilizar e reciclar os materiais e recursos producidos ou utilizados, limitando o impacto ambiental das actividades económicas
Promover unha cultura rexenerativa dirixida a restaurar os ecosistemas e ciclos naturais do planeta, así como a recuperar e preservar a biodiversidade e reparar o dano ambiental causado
Impulsar o equilibrio e a integración entre o ámbito rural, urbano e os espazos naturais, co obxectivo de modular e frear o impacto ecolóxico na xestión do territorio
Impulsar iniciativas que posibiliten unha transición enerxética xusta cara a un modelo sustentable, así como promover a soberanía enerxética a través do desenvolvemento de modelos cooperativos de produción, xestión e consumo de enerxías renovables
Queres coñecer os 6 principios da Carta da Economía Solidaria?
EQUIDADE
TRABALLO DIGNO
COOPERACIÓN
SUSTENTABILIDADE
ECOLÓXICA
REPARTICIÓN XUSTA
DA RIQUEZA
COMPROMISO
COA CONTORNA
A Carta da Economía Solidaria, nun clic
Carta de Principios de la Economía Solidaria
Lee o descarga el texto completo en castellano
Carta de Principios da Economía Solidaria (GL)
Lee o descarga el texto completo en galego
Ekonomia Solidarioaren Printzipioen Gutuna (EUS)
Lee o descarga texto completo en euskera
Carta de principis de l’Economia Solidària (CAT)
Lee o descarga el texto completo en catalán