A equidade na Economía Solidaria
A Carta de principios presenta os valores que caracterizan a Economía Solidaria para REAS Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria. Nela recóllense os trazos que orientan a visión e a práctica das organizacións da Economía Solidaria.
Tamén se recollen os seis principios reitores da ESS: equidade, traballo digno, sustentabilidade ecolóxica, cooperación, repartición xusta da riqueza e compromiso coa contorna. Analizámolos un a un.
Perante un sistema que se caracteriza por xerar múltiples desigualdades e opresións, a Economía Solidaria propón unha transición cara a novos modelos nos que a equidade sexa un elemento central nas relacións entre persoas, comunidades e pobos, así como co planeta. Unhas relacións horizontais que recoñezan positivamente e integren a diversidade.
A equidade incorpora ao obxectivo da igualdade as perspectivas complementarias da xustiza e a diversidade. Supón recoñecer e considerar a igualdade de oportunidades, condicións e trato, á vez que establecer un repartición xusta de obrigas, recursos e responsabilidades. Trátase dun valor necesario para recoñecer e garantir o dereito de toda persoa a vivir unha boa vida desde os principios da universalidade e a singularidade, así como dos seus intereses e necesidades vitais.
Fomentar a equidade implica garantir o dereito de todas as persoas a non estar sometidas a relacións baseadas na dominación, sexa cal sexa a súa condición socioeconómica, de xénero, orientación e identidade sexual, idade, cultura, orixe, crenzas, linguas, situación legal, capacidades… así como calquera outra característica obxecto de discriminación.
Incorporar o principio de equidade nas iniciativas da Economía Solidaria supón fortalecer o seu carácter transformador e inclusivo, así como priorizar a tarefa de construír espazos habitables nos que se cuestionen os privilexios e nos que calquera persoa poida participar desde o recoñecemento da súa diversidade. Espazos que promovan a igualdade de oportunidades a través de prácticas que visibilicen e transformen os sistemas opresivos e posibiliten a transición cara a modelos máis equitativos e corresponsables.
O compromiso co principio de equidade implica a todas as estruturas e a todas as personas que, dun xeito ou doutro, forman parte das organizacións e redes da Economía Solidaria, mais tamén ás súas relacións con outras persoas e entidades sociais.
Trátase, así mesmo, dun criterio de relación co conxunto da sociedade e cos diferentes territorios, rurais e urbanos, xeograficamente próximos ou afastados e, particularmente, con aquelas persoas e comunidades que soportan maiores niveis de desigualdade e discriminación.
Para desenvolver este principio proponse:
Promover entre as persoas relacións de reciprocidade que faciliten a corresponsabilidade desde os valores e a práctica do apoio mutuo
Valorar de maneira ética e xusta os bens e servizos, facilitando a súa dispoñibilidade e acceso para todas as persoas
Repensar e transformar as estruturas e prácticas de gobernanza nas que se poden dar dinámicas de poder excluíntes e decote invisibilizadas: procesos de toma de decisión, xestión de emocións, repartición de tarefas, manexo de conflitos etc.
Asegurar unha repartición equitativa de todas as tarefas produtivas, reprodutivas e de coidados
Artellar espazos e prácticas que consideren en todo o seu proceso as persoas en situación de vulnerabilidade e desvantaxe social, garantindo a igualdade de dereitos e oportunidades e facilitando a súa inclusión a través da acción positiva, a formación e o desenvolvemento de capacidades
Garantir o dereito á participación libre, horizontal e equitativa en todos os ámbitos organizativos e asegurar que a información sexa accesible, clara e frecuente
Queres coñecer os 6 principios da Carta da Economía Solidaria?
EQUIDADE
TRABALLO DIGNO
COOPERACIÓN
SUSTENTABILIDADE
ECOLÓXICA
REPARTICIÓN XUSTA
DA RIQUEZA
COMPROMISO
COA CONTORNA
A Carta da Economía Solidaria, nun clic