A repartición xusta da riqueza na Economía Solidaria

A Carta de principios presenta os valores que caracterizan a Economía Solidaria para REAS Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria. Nela recóllense os trazos que orientan a visión e a práctica das organizacións da Economía Solidaria.

Tamén se recollen os seis principios reitores da ESS: equidade, traballo digno, sustentabilidade ecolóxica, cooperación, repartición xusta da riqueza e compromiso coa contorna. Analizámolos un a un.

O principio de

REPARTICIÓN XUSTA DA RIQUEZA

Posibilitar a transición ecosocial que o noso planeta precisa require cuestionar o pensamento económico hexemónico, reivindicando unha economía real ao servizo das persoas e do planeta, así como promovendo unha xeración sustentable e un repartición xusta da riqueza.

A Economía Solidaria propón unha consideración alternativa e integral do concepto de riqueza, ademais de reclamar a súa distribución de modo corresponsable. Así, entendemos a riqueza como o conxunto de elementos materiais, sociais, culturais e naturais que determinan a capacidade dunha comunidade de atender as necesidades dos seus integrantes no curto, medio e longo prazo.

Así, a súa xusta xeración, distribución e conservación convértese nunha estratexia colectiva necesaria para a reprodución e a sustentabilidade da vida. Ao mesmo tempo, implica resignificar o uso e o valor do diñeiro como un instrumento para unha economía de base comunitaria que nos permita construír sociedades equitativas, inclusivas e autónomas. 

Asumimos o carácter colectivo da práctica económica e incorporamos, por iso, un conxunto de tradicións asociativas que, como o cooperativismo, as organizacións sen ánimo de lucro, o comercio xusto, a economía dos coidados ou as finanzas éticas, xeran e distribúen esa riqueza de carácter integral a través de iniciativas autónomas e sustentables.

A xeración e xusta distribución da riqueza permite promover un impacto social e económico no territorio que favorece o bo vivir, a través do despregamento de circuítos que contribúen á construción de modelos socioeconómicos máis xustos e sustentables. Posibilita, así mesmo, a xeración de traballos socialmente necesarios, inclusivos e de calidade, ao servizo das necesidades das persoas.

Este principio demanda ás organizacións da Economía Solidaria que recoñezan a dimensión económica da súa actividade e acepten a responsabilidade que implica na xeración, reinvestimento e distribución dos seus excedentes. Para facelo, promóvese un uso responsable e unha xusta distribución dos devanditos excedentes que permita, dunha banda, satisfacer as necesidades materiais e socioculturais das persoas a través dunha retribución xusta e un ambiente sociolaboral compatible cos proxectos de vida. Doutra banda, permite consolidar a estrutura financeira da organización como garantía para a súa autonomía e sustentabilidade. Por último, contribúe a xerar circuítos de financiamento propios da Economía Solidaria e ao servizo da transformación ecosocial.

Así mesmo, interpela as persoas e institucións sociais sobre a promoción dun consumo crítico, consciente e transformador, así como unha educación económica e financeira en sintonía cos valores da solidariedade e a xustiza social.

Para desenvolver este principio proponse:

Reinvestir os excedentes para o desenvolvemento, a consolidación e a patrimonialización das propias organizacións

Investir con criterios de utilidade social e ambiental

Desenvolver e soster un sistema financeiro ético e solidario, rexido polos principios de propiedade colectiva, participación e transparencia, orientado á economía real, de carácter integral e inclusivo, que promova a solidariedade comunitaria e estea ao servizo do interese colectivo

Promover e apoiar iniciativas colectivas transformadoras e mecanismos de solidariedade comunitaria

Utilizar ferramentas de medición, análise e avaliación para garantir a xestión democrática e a transparencia na redistribución e o reinvestimento dos excedentes

Integrar os procesos de produción, distribución, financiamento e consumo no Mercado Social como estratexia compartida para aumentar os impactos positivos e o potencial transformador da Economía Solidaria e das súas organizacións

Queres coñecer os 6 principios da Carta da Economía Solidaria?

EQUIDADE

TRABALLO DIGNO

COOPERACIÓN

SUSTENTABILIDADE
ECOLÓXICA

REPARTICIÓN XUSTA
DA RIQUEZA

COMPROMISO
COA CONTORNA

A Carta da Economía Solidaria, nun clic

Carta de Principios de la Economía Solidaria

Lee o descarga el texto completo en castellano

Carta de Principios da Economía Solidaria (GL)

Lee o descarga el texto completo en galego

Ekonomia Solidarioaren Printzipioen Gutuna (EUS)

Lee o descarga texto completo en euskera

Carta de principis de l’Economia Solidària (CAT)

Lee o descarga el texto completo en catalán