O traballo digno na Economía Solidaria
A Carta de principios presenta os valores que caracterizan a Economía Solidaria para REAS Rede de Redes de Economía Alternativa e Solidaria. Nela recóllense os trazos que orientan a visión e a práctica das organizacións da Economía Solidaria.
Tamén se recollen os seis principios reitores da ESS: equidade, traballo digno, sustentabilidade ecolóxica, cooperación, repartición xusta da riqueza e compromiso coa contorna. Analizámolos un a un.
Moito máis ca un emprego ou unha ocupación, o traballo é toda actividade humana que fai posible que a vida se sosteña, sexa tratada con coidado e se reproduza, tanto no presente como no futuro. Por iso, desde a Economía Solidaria, recoñécense os traballos en plural, produtivos e reprodutivos, profesionais e voluntarios, remunerados e gratuítos.
Así mesmo, enténdese o traballo como unha ferramenta de acción colectiva ao servizo das necesidades da comunidade e da sustentabilidade da vida, orientada cara ao desenvolvemento das capacidades e ao apoderamento individual e colectivo.
A interdependencia e a ecodependencia son asumidas como procesos básicos e necesarios para a nosa supervivencia, polo que, particularmente, os traballos de coidados entre as persoas, comunidades e co planeta sitúanse como prioritarios para a organización social. Compartir a responsabilidade e distribuír equitativamente a súa provisión é indispensable para promover a calidade de vida das persoas, a comunidade e a súa contorna ambiental, así como para desenvolver unhas relacións sociais e económicas xustas.
Por iso, a Economía Solidaria promove un emprego digno, saudable e emancipador, baseado na cooperación e no equilibrio salarial, no dereito a participar na propiedade dos medios de produción e na toma de decisións. Un emprego dirixido a producir bens e servizos socialmente útiles de forma equitativa e sustentable.
Como forma de superar as dinámicas de empobrecemento crónico e precarización vital, as experiencias da Economía Solidaria ofrecen ás persoas os recursos e o tempo preciso para gozar de vidas que pague a pena vivir. Para conseguilo, promoven iniciativas cooperativas, autoxestionadas, participativas e transparentes que satisfagan necesidades e contribúan ao benestar individual e colectivo. Estas iniciativas deben garantir o desenvolvemento das capacidades persoais, a repartición de todos os traballos, así como a creación de emprego estable e de calidade que facilite a inclusión social e económica nun ambiente de igualdade de oportunidades.
Mediante a proposta dun nova repartición, valorización e reorganización social de todos os traballos, a Economía Solidaria impulsa un cambio cultural que permita superar as lóxicas dualistas de dominación e fragmentación entre as diferentes esferas que concirnen a vida das persoas. En último termo, perséguese revalorizar a vida en todas as súas dimensións e etapas.
Para desenvolver este principio proponse:
Fomentar a repartición de todos os traballos (remunerados ou non), a equiparación do valor social e económico do traballo produtivo e reprodutivo, e a distribución equitativa da renda como garantía dunha boa vida
Defender e garantir o dereito fundamental para todas as persoas de acceso ás oportunidades laborais e sociais necesarias para a obtención de recursos
Desenvolver un emprego decente, emancipador e inclusivo capaz de xestionar a diversidade e incorporar laboral e socialmente ás persoas que sofren calquera tipo de discriminación
Impulsar empresas horizontais, diversas e democráticas que impulsen a participación, o liderado cooperativo e o pensamento crítico, pondo atención nos procesos e nas relacións, incorporando na cultura organizativa a saúde emocional e a necesidade de dar e recibir coidados
Promover unha nova organización social dos coidados que garanta a súa provisión desde a responsabilidade compartida e a repartición dos traballos nas esferas privada, comunitaria e pública
Impulsar a organización e participación comunitaria para o impulso de iniciativas sociais que promovan a solidariedade económica, a satisfacción de necesidades sociais e a promoción do benestar, con ou sen intermediación do diñeiro
Construír organizacións habitables e corresponsables coa sustentabilidade da vida, tendo en conta tanto as dimensións social, ambiental e comunitaria dos coidados, como a capacidade das persoas para elixir o seu traballo desde as súas habilidades e anhelos
Queres coñecer os 6 principios da Carta da Economía Solidaria?
EQUIDADE
TRABALLO DIGNO
COOPERACIÓN
SUSTENTABILIDADE
ECOLÓXICA
REPARTICIÓN XUSTA
DA RIQUEZA
COMPROMISO
COA CONTORNA
A Carta da Economía Solidaria, nun clic
Carta de Principios de la Economía Solidaria
Lee o descarga el texto completo en castellano
Carta de Principios da Economía Solidaria (GL)
Lee o descarga el texto completo en galego
Ekonomia Solidarioaren Printzipioen Gutuna (EUS)
Lee o descarga texto completo en euskera
Carta de principis de l’Economia Solidària (CAT)
Lee o descarga el texto completo en catalán